Novas 2016

ESPECIAL

12 Ago 2016

Zarautz busca o seu rei e raíña

Zarautz busca o seu rei e raíña

A Zarauzko XXXIX. Estropadak e a Zarauzko VIII. Ikurriña coparán todas as olladas da Liga San Miguel e da Liga Euskotren

Xa está de volta un dos encontros sinalados en vermello no calendario do mundo do remo. A Liga San Miguel e a Liga Euskotren voltan a un dos seus grandes escenarios, Zarautz, coa desputa da Zarauzko XXXIX. Estropadak, correspondente á décimo segunda e décimo terceira xornada da Liga San Miguel, así como da Zarauzko VIII. Ikurriña, que servirá como peche da Liga Euskotren. Unha dobre xornada que terá o seu bandeirazo de saída o sábado ás 18.00 horas, mentres que o domingo será ás 12.00 horas e cuxos gañadores sairán da suma dos tempos de ambos encontros. Este formato, único tanto na Liga San Miguel como na Liga Euskotren, instaurouse no 2006, aínda que ben é certo que a localidade zarauztarra recibiu probas da Liga San Miguel desde a fundación da ACT. Equipos como Orio Babyauto (2006 e 2010), Urdaibai Avia (2007), NT2 Hondarribia (2015) ou Castro (2008 e 2009) saben o que é gañar neste escenario desde que se instaurou o formato de dobre xornada en 2006. Pero se hai un claro dominador deste encontro, no que respecta a vitorias obtidas, é Kaiku Producha, que conseguiu levar a victoria en catro edicións (2011, 2012, 2013 e 2014).

Unha edición que vén con novidades importantes. A principal é que o campo de regatas se moveu lixeramente cara o mar, levándoo 150 metros ao norte e outros 100 ao oeste. Isto é debido á barra de area formada no contorno de Allepunta que fai que, en situacións de algo de mar e en baixamar, a onda rompa na zona da saída do campo utilizado até a data. En calquera caso, este campo de regateo non é novo para a ACT xa que na Bandeira Eusko Label de 2012 xa se fixo uso del con vitoria para NT2 Hondarribia, que avantaxou en pouco máis dunha décima a Tirán Pereira. Seguindo coas novidades, cómpre salientar que este ano, dado o convenio que une a Zarautz coa ACT até 2018, os premios económicos aumentaron para as tripulacións. Outra é que a fan zone que acompaña á Liga San Miguel estará situada no malecón zarauztarra.

Así, esta dobre xornada de remo abrirase o sábado a partir das 18:00 horas coa desputa da primeira xornada da Zarauzko VIII. Ikurrina, correspondente á penúltima xornada da Liga Euskotren 2016. Unha vez finalizada a regata feminina, dara comezo a décimo segunda xornada da Liga San Miguel. Para esta xornada de sábado a composición de quendas farase en base á clasificación xeral da Liga San Miguel, polo que na primeira quenda estarán Zumaia, Portugalete Eulen, San Pedro e Zierbena Bahías de Bizkaia. Na segunda, Cabo, Astillero, Orio Babyauto e San Juan Iberdrola. Mentras que a quenda de honra estará composta por Tirán Pereira, Kaiku Producha, Urdaibai Avia e NT2 Hondarribia. Xa o domingo, a competición comezará ás 12:00 horas, coa desputa da derradeira xornada da Liga Euskotren, seguida pola décimo terceira xornada da Liga San Miguel. Para esta xornada do domingo, as quendas comporanse en base ao resultado da xornada anterior e coñecerase ao remate da xornada do sábado.

Cómpre non esquecer que a Liga San Miguel chega a Zarautz moi apertada na zona alta, media e baixa da táboa. Na parte superior, a loita pola Coroa CaixaBank entre NT2 Hondarribia e Urdaibai Avia, de momento decántase por catro puntos a favor dos verdes. Entre o cuarto e o sexto apenas hai un punto de diferenza, mentres que na zona baixa Zumaia achegouse a cinco puntos dos jarrilleros de Portugalete Eulen. Ademais, na batalla polo Trofeo CaixaBank ao Mellor Patrón, Gorka Aranberri, con nove puntos, enfundouse o maillot branco, pero está seguido moi de perto por Unai Osa e Alfonso Díaz.

Campioa da Liga Euskotren

A Zarauzko Estropadak tamén servirá para pór punto final á Liga Euskotren 2016 coa desputa das dúas últimas xornadas da tempada. A competición feminina preséntase nestas dúas últimas xornadas coa loita polo liderado. San Juan Iberdrola chega líder con 23 puntos, avantaxando en catro puntos á segunda clasificada, Hibaika Jamones Ancín con 19 puntos. Orio Babyauto é terceira con 11 puntos, mentres que Cabo completa a clasificación con 7 no seu casilleiro. Quen se coroará como raíña da Liga Euskotren?

Voltar