Novas 2021
ASOCIACION
29 Mar 2021
A Coruña e ACT, Xuntas tres anos máis
O Concello da Coruña e a ACT afianzan a súa relación para que a cidade siga a acoller á Liga Eusko Label e á Liga Euskotren nas tres vindeiras tempadas
O Concello da Coruña e a ACT asinaron un acordo polo que a cidade herculina será o escenario da Liga Eusko Label e da Liga Euskotren nas tres vindeiras tempadas. A Coruña seguirá a ser testemuña da loita pola Coroa CaixaBank e o Trofeo Euskotren nos anos 2021, 2022 e 2023. Un dobre encontro que, logo de catro tempadas, iuse nun referente da cornixa cantábrica para todos os amantes do remo de banco fixo.
Na fin de semana do 3 e 4 de xullo, a praia de Riazor subirá o telón dunha nova tempada da Liga Eusko Label e da Liga Euskotren. Dous días para decidir que tripulacións ondearán a Bandeira Cidade da Coruña, a primeira bandeira do calendario, baixo os ollos da emblemática Torre de Hércules. Ambas xornadas serán televisadas na íntegra pola EiTB e TVG e poderán seguirse, ademais, por eitb.eus.
Os encargados de asinaren a renovación deste acordo foron Borja Rodrigo, Presidente da ACT, e Juan Ignacio Borrego, Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá. Rodrigo salienta a importancia de acadar unha unión desta dimensión: “con este acordo cumprimos varios obxectivos; estabilidade e prestigio á nosa competición. Un acordo así coa Coruña fainos moita ilusión”. Borrego, pola súa banda, destaca o grande impacto que consegue un encontro deste calibre: “a experiencia destes últimos catro anos a acollermos este encontro ten sido fantástica, e o impacto que supón para a cidade tamén, polo que queremos seguir a apostar por esta proba de altísima calidade”.