Novas 2019
ESPECIAL
12 Ago 2019
A salvación en catro xornadas
Lekittarra Elecnor, Astillero Repsol Electricidad y Gas e San Pedro xóganse nestas últimas dúas fins de semana a permanencia na máxima categoría do remo
Aínda que fica máis dun mes para dicir adeus á actual tempada da Eusko Label Liga, a loita pola salvación adiantarase até a xornada 18, cando coñeceremos o nome da traiñeira que descenderá e a que ocupará unha das prazas do playoff á procura de manter a categoría frente ás traiñeiras que virán con ansias de conseguiren un dos dous pases para a Eusko Label Liga 2020. Tres embarcacións atópanse agora mesmo inmersas nesta particular pelexa pola supervivencia: Lekittarra Elecnor, Astillero Repsol Electricidad y Gas e San Pedro.
Aínda estando inmersos na pelexa nestas últimas xornadas que fican á frente, seguro que o equipo biscaíno asinaba por estar nesta situación cando conseguiu o ascenso á Eusko Label Liga no final da pasada campaña. A ‘cuadrilla’ liderada por Osertz Alday é décima con 37 puntos logo de desputárense 14 xornadas e ten un colchón de 8 puntos sobre o equipo cántabro e 10 sobre a ‘Libia’. É moi difícil que algún destes dous equipos consiga superalos nas catro xornadas que restan, pero todo pode pasar na Eusko Label Liga.
Logo dun inicio bastante complicado, Astillero Repsol Electricidad y Gas conseguiu endereitar o rumbo para ir sumando puntos até chegar aos 29 puntos. Grazas a esta melloría, conseguiu superar na clasificación a San Pedro e incluso conseguiu vantaxe sobre o equipo guipuscoano en catro puntos logo da desputa da Getxoko Estropaden XLI. Ikurrina.
Na outra cara da moeda está San Pedro, que tras navegar grande parte da tempada por diante do club cántabro na Clasificación Xeral da Eusko Label Liga, a partir da XVIII Bandeira Concello de Sestao pasou a ocupar a derradeira praza da táboa, o que o levaría a perder a categoría. Pero non todo está perdido, esta pasada fin de semana, coa desputa da XXXV. Ondarroako Bandera – Cikautxo Sari Nagusia e a Hondarribiko XXXII. Bandera – Mapfre Sari Nagusia, a ‘Libia’ conseguiu rabuñar algúns puntos e chega a estas catro últimas xornadas con apenas dous puntos de desvantaxe sobre Astillero Repsol Electricidad y Gas.
Aínda non hai nada decidido, catro encontros (a dobre xornada da XLII Zarauzko Estropadak, a II Bandeira Concello de Bueu – Gran Premio Teccarsa-Rehau-Roto e a XXIX Bandeira Concello de Boiro) e 48 puntos aínda por repartírense poden facer que todo mude.