Novas 2021

ASOCIACION

27 Xul 2021

Euskotren e a ACT asinan por máis catro anos de patrocinio para a liga feminina de traiñeiras

Euskotren e a ACT asinan por máis catro anos  de patrocinio para a liga feminina de traiñeiras

A empresa pública do Departamento de Transportes do Goberno Vasco apoia a competición feminina dende a súa creación no 2009

Euskotren renova o seu patrocinio coa ACT para os vindeiros catro anos. Deste xeito, a sociedade pública do Departamento de Planificación Territorial, Transportes e Vivenda do Goberno Vasco, aposta pola liga feminina de traiñeiras, que seguirá a se chamar Liga Euskotren polo menos até 2024. O acordo asinouse este xoves entre o conselleiro, Iñaki Arriola, e o presidente da Asociación de Clubs de Traiñeiras (ACT), Borja Rodrigo.
 
A asinatura garante a continuidade de Euskotren como patrocinador oficial da liga feminina que leva o seu nome, unha competición que foi impulsada pola empresa pública de transporte dende o seu nacemento no ano 2009, e que vai evoluíndo de forma constante. 
 
O conselleiro salientou por estas razóns que é “un verdadeiro orgullo sumar o nome de Euskotren a unha liga que amosa no día a día a progresiva incorporación das mulleres a todos os ámbitos da vida, tamén o deportivo ou o do sector do transporte”. Arriola agradeceu a oportunidade brindada pola ACT para que a empresa pública de transporte participe na competición e animou a cidadanía a seguiren as 14 regatas que compoñen esta tempada remeira, incluíndo as dúas regatas de Play Offs. 
 
Pola súa banda, Borja Rodrigo remarcou que “é un día moi importante para a ACT xa que grazas a este acordo logramos garantir a continuidade da nosa liga feminina, a cuxa competición Euskotren dá nome”.
 
Ademais, Rodrigo salienta a importancia desta asinatura de cara o futuro “este acordo durante 4 anos máis permítenos dar a estabilidade necesaria a unha competición que resulta estratéxica para a ACT, xa que tal e como fixemos hai 13 anos cando decidimos crear e comezar coa Liga Euskotren, o compromiso co remo feminino segue a ser algo fundamental para a Asociación e os seus socios. Por iso, estamos moi contentos e agradecidos por continuarmos a ter a Euskotren como compañeiro de viaxe dende a creación da primeira división do remo feminino, e queremos pór en destaque a decisión que tomou naquel momento de nos apoiar, mais que siga a facelo do mesmo xeito 13 anos despois, conectando persoas e conectando valores”.
 

Voltar