Novas 2021

COMPETICION

01 Xul 2021

A Coruña preparada para a estrea

A Coruña preparada para a estrea

A baía do Orzán estreará a tempada coa desputa da V e IV Bandeira Cidade da Coruña

A Bandeira Cidade da Coruña será a primeira proba do calendario tanto da Liga Eusko Label como da Liga Euskotren. Os doce equipos da competición masculina, e catro da feminina, tratarán de conseguiren o primeiro trofeo da tempada que enceta esta fin de semana.

Esta mañá realizouse a presentación da V e IV Bandeira Cidade da Coruña no Concello da cidade, onde participaron Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Turismo por parte do Concello, e Carmen González, Directora de Comunicación e Marketing da ACT.

Para o Concello, a acollida da Liga Eusko Label e da Liga Euskotren é “unha grande alegría por múltiplos motivos. Primeiro porque continuamos coa aposta por un deporte tradicional tamén de Galiza, segundo porque seguimos a apostar pola cidade como destino seguro, e por último, por como acolle a competición a cidade e todo o que conleva arredor como promoción turística”, asegura Borrego.

“Á ACT danos especial alegría voltar á Coruña e facelo para inaugurarmos unha nova edición da Liga Eusko Label e da Liga Euskotren. Apenas agradecer ao Concello da Coruña por todo o apoio e organización dunha dobre xornada que os afeccionados agardan con vontade ano tras ano”, indica González.

Ambos fan fincapé para que os afeccionados gocen da dobre xornada da Bandeira Cidade da Coruña seguindo todas as recomendacións sanitarias vixentes. 

BANDEIRA A DOBRE XORNADA 
A xornada do sábado comezará ás 17:40, cando as catro tripulacións da Liga Euskotren competirán pola primeira vitoria. Orio Orialki, Donostiarra Lacturale, Donostia Arraun Lagunak e Hondarribia Bertako Igogailuak competirán por vestiren o maillote de líder. Unha vez rematada a regata feminina, será a vez da Liga Eusko Label.

No caso da V Bandeira Cidade da Coruña, o sorteo de quendas realizada na presentación da tempada decidiu a orde para esta primeira regata. Daquela, na primeira quenda competirán Ondarroa Cikautxo, Go Fit Hondarribia, Zierbena Bahías de Bizkaia e Bermeo Urdaibai Avia. Na segunda tanda teremos a Lekittarra Elecnor, Ares, Orio Orialki e Santurtzi Transportes y Gruas Aguado. Por último, na última quenda vogarán Tirán Pereira, CR Cabo da Cruz, Donostiarra Amenabar e Zarautz Gesalaga-Okelan.

Xa o domingo, a xornada iniciará ás 11:40 horas coa desputa da regata da Liga Euskotren. Tras o remate da regata feminina, os equipos da Liga Eusko Label desputarán a segunda xornada da V Bandeira Cidade da Coruña coas quendas organizadas en base ao resultado da xornada do sábado, saíndo de últimas as traiñeiras con mellor tempo. En ambos casos, a suma dos tempos das dúas xornadas decidirá a vencedora da bandeira. 

Voltar