Novas 2024
COMPETICION
18 Xul 2024
Cabo de Cruz acolle este domingo as regatas de traíñas
Cabo de Cruz acolle este domingo unha das xornadas da ACT de traíñas na que se vai disputar a V Bandeira de Traíñas Feminina Rianxeira e a XXXIV Bandeira Concello de Boiro. Na presentación da proba, que tivo lugar esta mañá, estiveron o alcalde, José Ramón Romero; o presidente de Club de Remo Cabo de Cruz, Luís Piñeiro; e a directora de relacións institucionais de Jealsa, Margarita Hermo.
O alcalde, José Ramón Romero, deulle os parabéns ao Club de Remo de Cabo de Cruz "que se mantén con dúas tripulacións no máximo nivel do remo" e desexoulle sorte "para que estas dúas bandeiras queden este ano na casa".
A XXXIV Bandeira Concello de Boiro terá lugar ás 12.20 horas, na que van competir 12 embarcacións. Trátase dunha regata a catro longos. Previamente, ás 11.25 horas dará comezo a regata feminina, na que se vai disputar a V Bandeira de Traíñas Feminina Rianxeira e na que compiten 8 embarcacións a dous longos. "Temos moita sorte de contar con dúas tripulacións na mellor liga de traíñas do remo, un logo dun club modesto pero un gran club", afirmou Margarita Hermo.
"Dende o Club estamos moi contentos de volver ser os anfitrións desta proba que este ano ten dúas regatas no Barbanza, o sábado en Aguiño e o domingo en Cabo de Cruz", afirmou o presidente do club, Luis Piñeiro, que convidou á veciñanza a achegarse ao Peirao de Cabo de Cruz o domingo. Ao remate das regatas haberá a habitual fan zone con sponsor da Liga ACT e a habitual degustación de bonito así como unha carpa para celebrar unha mexilloada e dar a coñecer o produto local.