Novas 2024
COMPETICION
17 Xul 2024
A Liga Eusko Label e a Liga Euskotren regresan ao Barbanza na ría de Arousa
As traiñeiras voltan ao Atlántico e farano no sábado en Aguiño (Ribeira) coa Bandeira Barbanza Arousa e o domingo en Boiro.
Este mediodía presentouse a II Bandeira Barbanza Arousa en Aguiño. A parroquia de Ribeira acollerá este sábado a sétima xornada da Liga Euskotren Liga e da Liga Eusko Label.
A Illa de Sálvora custodiará a regata nun campo que será do máis esixente para as tripulacións. Lonxe dos frecuentes campos de regatas galegos dentro das rías, este decorre en mar aberto.
O contorno que rodea o campo e as súas características auguran un grande espectáculo para este sábado. As 20 tripulacións loitarán para conseguir a Bandeira Barbanza Arousa.
Ademais, a Bandeira da mancomunidade de municipios de Barbanza Arousa contará este ano tamén coa Liga Euskotren polo que ambas competicións participan en augas de Aguiño.
O presidente da mancomunidade de municipios Barbanza Arousa, Luis Pérez Barral, destacou a importancia do evento: "En Barbanza Arousa, coa súa rica tradición marítima e o seu profundo amor polo mar, sentímonos especialmente orgullosos de sermos anfitrións deste evento de traiñeiras" e engadiu que a Liga Eusko Label e a Liga Euskotren non son apenas competicións de remo "son homenaxes á forza, á habilidade e á dedicación".
Daniel Vázquez, membro da xunta directiva da ACT, pola súa banda, agradeceu o patrocinio á mancomunidade do Barbanza Arousa: "estamos moi agradecidos coa mancomunidade. Tíñamos moita vontade de que se volvese desputar esta Bandeira. Ademais, o campo brindará un grande espectáculo".