Novas 2022
COMPETICION
07 Ago 2022
Orio Orialki achégase ao título
A San Nikolas vence en Getaria e aumenta a renda en seis puntos respecto a Donostia Arraun Lagunak na Liga Euskotren
Orio Orialki voltou ser a mellor nunha nova xornada da Liga Euskotren. Porén, as primeiras padas da Getariako Ikurriña - 500. Urteurrena Saria foron lideradas por Donostia Arraun Lagunak, até o ecuador do primeiro longo. Nese momento, a traiñeira dirixida por Nadeth Agirre foi reducindo a diferenza, até chegar á ceavoga cun segundo de vantaxe. No longo de volta, Orio foi aumentando a renda con respecto a Donostia Arraun Lagunak até cruzaren a meta con nove segundos de diferenza. Por detrás, desta vez foi Nortindal Donostiarra Ur Kirolak 100 quen foi 3ª por diante de Tolosaldea.
Con esta vitoria, Orio Orialki acada os 38 puntos polos 32 de Donostia Arraun Lagunak. Na loita polo playoff de descenso, a Torrekua suma 16 puntos, mentres que Tolosaldea ten 14 puntos cando restan catro regatas.
Vitoria e liderado para Urdaibai
Bermeo Urdaibai redondeou unha fin de semana perfecta para as súas aspiracións ao título da Liga EuskoLabel despois de gañar a XIII. Getariako Ikurriña - 500. Urteurrena Saria na xornada de hoxe e pasaren a liderar a xeral. A Bou Bizkaia e Matrix Hondarribia vogaron moi parellas até a 2ª ceavoga, momento no que a Ama Guadalupekoa embestiu contra a baliza perdendo uns segundos moi importantes de cara a pelexar pola bandeira. Nese intre, a Bou Bizkaia abriu oco cos perseguidores e mandou na quenda de honra até o final cruzando a liña de meta con 8 segundos de renda sobre Orio Orialki, gañador da 2ª quenda, e 14 segundos sobre Amenabar Donostiarra Ur Kirolak 100. Pola súa banda, Hondarribia foi 10º na xornada e perdeu puntos moi importantes na xeral.
Con estas dúas vitorias, Bermeo Urdaibai situase líder da Liga Eusko Label con 128 puntos, os mesmos que a Amenabar Donostiarra Ur Kirolak 100, pero as catro vitorias da Bou Bizkaia permite aos biscainos seren primeiros. Mentres tanto, Hondarriba pasa a ocupar a 3ª praza na xeral con 125 puntos. Na parte baixa da táboa, a Itsasoko Ama conseguiu afastarse do último posto e mantén unha renda de 10 puntos sobre CR Ares, que pecha a xeral con 34 puntos.