Novas 2012
COMPETICION
17 Xul 2012
"NON AGARDÁBAMOS ANDAR TAN BEN, NIN MOITO MENOS"
Atsegin Odriozola, remeira da traíña Zumaia-Salegi
Seis da tarde no club Aita Mari de Zumaia. Os rapaces e rapazas van chegando ao club para cambiarse e comezar o adestramento. Todos os que chegan miran con estrañeza a Atsegin Odriozola (Zestoa, Gipuzkoa), porque lle están a facer unha entrevista. Motivos hai de sobra. Zumaia-Salegi é o líder da Liga Euskotren.
Chega a terceira regata da Liga Euskotren. Zumaia-Salegi pasou a clasificatoria con sobresaínte, ata o punto de que sodes líderes da Liga Euskotren, unha vez consumido un cuarto de calendario. Que valoración fas?
Para nós tamén foi unha sorpresa ser líderes. Sabiamos que se faciamos ben o noso traballo podiamos entrar, e así foi. O obxectivo era entrar na Liga Euskotren, pero non agardábamos andar tan ben. Nin moito menos. O primeiro era clasificarse. Despois xa se verá. Temos os pés no chan, imos ir regata a regata, pero conformarémonos co que fagamos.
O de Portugalete considerouse unha sorpresa, porque o vento influíu moito. Ao día seguinte, non obstante, outra boa regata en Zarautz. Como celebrastes a clasificación da Liga Euskotren. Supoño que foi unha celebración especial, non?
Si. Celebrámolo cunha comida, porque o obxectivo estaba conseguido. Unha vez dado o primeiro paso, puxemos outro obxectivo: ser máis regulares, e aí andamos. Non é doado. A Liga Euskotren non fixo máis que comezar, quedan aínda seis regatas, e creo que as demais traíñas virán empurrando por detrás. A nosa intención é humilde. Ir mellorando pouco a pouco, segundo avance a tempada.
É Zumaia-Salegi agora favorita para gañar La Liga Euskotren?
O que eu podo dicir é que non nos vemos como favoritas. Fixemos boas regatas, pero facelas sempre... En Gipuzkoa hai clubs moi fortes, e intúese que no futuro serán máis fortes.
Supoño que os bos resultados serán un acicate para esforzarse máis.
Sen dúbida. Vés cunha faísca especial aos adestramentos, con máis ganas. Está claro que a mellor motivación é gañar bandeiras, e se as conseguiches, quere dicir que a túa remada é boa. Todo vai no mesmo lote. Os bos resultados aumentan a motivación, e a motivación, as ganas de buscar mellores resultados, as ganas de vir a adestrar,... sen esquecérmonos de ter os pés no chan.
Preguntámosllo ás rapazas de Getaria-Tolosa, se había algún pique entre os dous pobos. Haino?
Non. Coñecémonos dende hai tempo. Quizais en anos anteriores estiveron máis fortes, e este ano nós esteamos máis preto, tal e como se puido comprobar nas dúas primeiras regatas.
Creo que o presidente do club, Luis Mari Goikoetxea, está moi contento co voso traballo.
É outra alegría para nós. É xente que leva moitos anos traballando no club, e case sempre na sombra. Nós saímos ao mar, pero detrás nosa hai moita xente traballando duro, e dar unha alegría a esas persoas é gratificante. Unha vez que volves ao porto, é moi bonito que alguén que leva moitos anos traballando no club che dea un abrazo sincero.
Intúese dende fóra que o remo feminino está a mellorar. É unha percepción real?
Si. É difícil atar ás rapazas, que non estean un ano e o deixen. Hai moitas traíñas en Gipuzkoa, pero non tantas rapazas para adestrar. Estámonos a asentar pouco a pouco, pero aínda hai moito traballo por facer.
Cantos anos levas ti no remo?
Con este seis, cinco dentro da traíña.
Como valoras que haxa unha liga organizada como a Liga Euskotren?
Moi ben. Intúese que ano a ano vai tomando forma. Empezou a desenvolverse con estruturas de clubs, e non tan só a nivel de seleccións territoriais. Moitos clubs apostaron polo remo feminino, pero como dixen antes, aínda hai moito traballo por facer. Se todo vai ben, avanzaremos. Esperemos que a cifra de mulleres que remamos aumente, e que os adestradores teñan a oportunidade de elixir que rapazas reman. Esa situación aumentará a competitividade.
Que lle dirías unha rapaza, para que empezase a remar?
Ben, eu son de Zestoa, non son dun pobo da costa, e co paso dos anos, fixen outra cuadrilla de amigos e amigas. Estás no club case todos os días, e xorde unha relación moi bonita con todos os que pasamos por aquí. A cuestión é probar, e ver que capacidade tes, para tomar unha decisión. Que supón moito sacrificio? Si, pero ten as súas cousas boas. A mi polo menos enganchoume, polo que algo xa ten.
E, hai algún tipo de pique cos rapaces ou non?
Non. Aquí todos representamos o mesmo club, e o obxectivo é levar o club cara a arriba. Os resultados dos rapaces non foron moi bos ultimamente, e nós somos quen mellor entendemos esa situación. Estiveron todo o ano traballando duro, e agora non conseguir os froitos dese traballo, é duro. O equipo é moi novo, e cando hai dificultades non é doado superalo. Aínda que se erguerán, porque son fortes.