Novas 2012

COMPETICION

08 Ago 2012

A LIGA SAN MIGUEL E O MALLOTE MAPFRE, EN XOGO EN HONDARRIBIA

A LIGA SAN MIGUEL E O MALLOTE MAPFRE, EN XOGO EN  HONDARRIBIA

A cidade guipuscoana acolle o sábado a 11ª proba puntuábel da Liga San Miguel

Verde por acá e por acolá. Hondarribia viste de gala un ano máis, para acoller cos brazos abertos a caravana da Liga San Miguel. Aos remeiros, e aos afeccionados que os acompañen. Hondarribia é unha regata con maiúsculas. Non en van, foi nomeada a regata mellor organizada na gala de presentación da tempada 2012, e claro está que os da Ama Guadalupekoa quererán volver deixar o pavillón ben alto un ano máis.

 

Son miles as persoas que asoman en procesión á barra onde o Bidasoa se xunta co mar. Punto de observación inmellorábel antes da regata, cando as embarcacións quentan motores, durante a regata e os seus catro longos, e no regreso a porto dos botes, onde os remeiros se ven obrigados a saúdar continuamente aos afeccionados que os vitorean.

 

Este mediodía celebrouse no Concello de Hondarribia a presentación da HONDARRIBIKO XXV. BANDEIRA – MAPFRE SARI NAGUSIA, e a ela  acudiron o Sr. Aitor Kerejeta, Alcalde da Cidade de Hondarribia, o Sr. Javier Lopetegi de Mapfre e o Sr. Jose Miguel Elduayen, presidente de Hondarribia AE. A regata disputarase o sábado 11 de agosto a partir das 18:00 horas.

 

Cinco puntos separan os dous galos da Liga San Miguel. A bizkaitarra Kaiku Ambilamp destacou un pouco, pero Hondarribia Orsa non desiste. Proba de iso, a recente vitoria dos guipuscoanos no Campionato de España celebrado en Castro. Ben saben os de Sestao que poden darlles un susto aos da casa, ou voltaren para a súa coa incertidume pisándolle os calcañares.

 

Loita pola Coroa Mapfre, e loita pola clasificación do Mellor Patrón, patrocinadora do premio e da regata de Hondarribia. Entre un mar verde, un mallote vermello en mans de Joseba Amunárriz, patrón de Hondarribia. O vermello da aseguradora Mapfre. Amunárriz non pode relaxarse. Teñen os mesmos puntos que Cristian Garma e Jon Arroquero, patróns de Kaiku.

 

Cómpre salientar que ás 18h00 dará comezo a regata correspondente á Liga Guipuscoana feminina coa participación de Rianxeira Mecalia como convidada. Posteriormente serán as tripulacións da Liga San Miguel as que continúen coa xornada de remo.

Voltar