Novas 2015

ESPECIAL

05 Feb 2015

"la Caixa" renova o seu compromiso coa ACT

"la Caixa" renova o seu compromiso coa ACT

Por terceiro ano consecutivo a entidade financeira mantense como copatrocinador da competición

A Asociación de Clubs de Traíñas e “la Caixa” reafirmaron esta mañá a súa unión coa renovación do acordo de patrocinio por un ano máis, cumprindo deste xeito a súa terceira tempada a bordo da ACT. A entidade financeira, que comezou a súa andaina na tempada 2013, mantense como un dos principais piares e apoio no desenvolvemento da Asociación.

Daquela, “la Caixa” seguirá dando nome ao título ao que todos os participantes aspiran, mais ao que apenas ten acceso o gañador da Liga San Miguel: a Coroa “la Caixa”, un galardón que a día de hoxe repousa nas vitrinas de Hondarribia Orsa. Ademais, e valorando xa non só o traballo individual de dirección do patrón mais tamén o coletivo de todo o grupo, seguirá outorgando o premio ao mellor patrón da tempada e enfundando co maillote “la Caixa” ao seu líder. Un maillote que esta campaña tivo a honra de lucir durante boa parte da competición Vicente Carpintero, patrón de Zierbena Bahías de Bizkaia, conseguindo finalmente a vitoria. E como non podía ser de outro xeito, e cumprindo xa a súa terceira edición, nunha das xornadas que comporán a Liga San Miguel 2015, porase en xogo a III Bandeira “la Caixa” que no ano pasado en augas de Pasaia foi parar á popa da ‘Ama Gualupekoa’ hondarribiarra.

Pero este acordo non se limita apenas ao remo masculino, xa que na competición feminina “la Caixa” voltará prestar o seu apoio. Neste caso, a patroa do equipo líder da Liga Euskotren voltará lucir o maillote branco coa estrela de “la Caixa”.

Esta mañá levouse a cabo o acto de asinatura do acordo, no que estiveron presentes Juan Pedro Badiola, director territorial da entidade financeira no País Vasco e Cantabria, e Pedro Andueza, presidente da ACT. Para Andueza, a presenza dunha entidade referente como “la Caixa” é “vital para o desenvolvemento dunha competición como a nosa. É moi importante para o conjunto do remo que sigan existindo acordos tan importantes como este xa que sen eles a expansión e o crecemento que está experimentando este deporte sería inviábel”. E como non podía ser de outro xeito, quixo amosar o seu agradecemento. “En nome de todos os clubs o único que lle podo dicir a “la Caixa” é agradecerlle este grande apoio e ogallá que este ano poidamos vivir unha tempada igual de emocionante que as anteriores”.

Pola súa banda, Juan Pedro Badiola amosou a súa satisfacción pola renovación deste acordo, que “reflicte o compromiso de “la Caixa” con un deporte tan arraigado na nosa terra e en toda a cornixa cantábrica. Son xa tres anos apoiando esta competición de remo, coa que compartimos valores como o esforzo, a superación persoal e o traballo en equipo”.

Voltar