Novas 2015
ESPECIAL
30 Mar 2015
Aroma internacional no Oria
12 embarcacións masculinas e 8 femininas darán cor este sábado a unha nova edición da Regata Internacional de Orio
O vindeiro sábado a partir das 16.15 horas disputarase na localidade guipuscoana de Orio a XVI Regata Internacional de banco móbil, na súa modalidade de 8+, até a que se achegarán embarcacións vindas de diferentes puntos de Europa. Co gallo do cincuenta aniversario da fundación do club aguilucho, desde Orio quixeron recuperar este encontro que non se celebraba desde 2009. Durante as quince edicións anteriores os afeccionados tiveron a oportunidade de gozar dos mellores expoñentes do banco móbil, como Cambridge, Oxford, Munich ou Florida, entre outros.
Para esta edición, a regata masculina contará coa presenza do club Caminhense de Portugal (gañador das edicións de 2006 e 2008); xunto a Cambridge (campión en 1969 e 1974) e Molesey de Inglaterra; de Francia chegará EN Bordeaux; os cataláns Banyoles e Amposta; Tui-Miño de Galiza; RC Labradores e CN Sevilla de Andalucía; e completarán a partida o Aviron Bayonnais, Santiagotarrak e a embarcación local de Orio Babyauto (vencedora en 1968, 1970, 1989, 2001 e 2004). Con respecto á regata feminina, será na modalidade de 4x, disputarana Banyoles e Amposta de Cataluña; Tui-Miño de Galiza; RC Labradores (2008) e CN Sevilla de Andalucía; o Aviron Bayonnais, Santiagotarrak e a anfitrioa Orio Babyauto.
A saída, ubicada ao pé do club de remo, e chegada xunto á praza da vila, permitirá aos espectadores poderen ver toda a regata desde terra. Ademais, para todos aqueles que non poidan desprazarse até Orio, terán a oportunidade de seguiren a regata en directo a través de ETB.