Novas 2015
ENTREVISTAS
20 Mai 2015
Kaiku Producha, con espírito gañador
Emilio Laka, adestrador de Kaiku Producha, confía en se manter na quenda de honra durante a tempada para aspirar a todo
Kaiku Producha é o único club, até o día de hoxe, que conseguiu a Coroa “la Caixa” en propiedade. Este ano Emilio Laka chega ao club de Sestao para levar o seu equipo ao máis alto no fin da tempada. O equipo mantén a estrutura das últimas edicións da Liga San Miguel e non sufriu moitas mudanzas tras da pasada campaña. O plantel tivo as baixas de dous remeiros da tripulación titular e incorporou outros catro remeiros que tratarán de axudar o seu equipo a acadar os obxectivos marcados para esta tempada.
Laka admite que foi un inverno "moi duro" para eles, como para todos os demais equipos, e que tiveron que facer frente a "condicións climatolóxicas moi adversas". Grazas ao traballo do día a día puideron superar esta situación e "tirar cara delante". O preparador do equipo biscaíno está contento xa que a preparación vai por bo camiño e cre que os resultados "serán bos". No referente aos obxectivos, Laka opina que Kaiku Producha sempre ten que "optar ao máximo" e ese é o obxectivo que se marcan para esta tempada, chegar o máis alto posíbel. En canto aos seus competidores da Liga San Miguel, Laka opina que a quenda de honra será a mesma que a do ano pasado e que haberá que ver como se "comportan os demais equipos", xa que hai varias incógnitas, como por exemplo Samertolameu Rodman Group, do que non se teñen moitas referencias.