Novas 2023
COMPETICION
20 Set 2023
Despedida de Samertolameu e Itsasoko Ama
Os dous equipos descenden da Liga Eusko Label
Esta tempada non foi a desexada para SD Samertolameu Fandicosta e Itsasoko Ama Santurtzi. Foron os últimos clasificados da Liga Eusko Label, e malia a Sotera ter unha segunda oportunidade para mantérense, ambos perden a categoría e a partir da vindeira tempada tentarán voltar para a máxima categoría do remo.
Samertolameu Fandicosta foi o primeiro equipo en perder a categoría polo seu décimo segundo posto na Liga Eusko Label. Na súa terceira participación na máxima categoría, Meira non puido romper a mala racha que ten o club coa competición, e descende igual que nas anteriores participacións. Con 34 puntos obtidos na tempada, os de David Costa competiron en Getaria por última vez na Liga Eusko Label, polo que o equipo de Moaña voltará para a Liga Galega coa intención de retornaren rápido para a máxima categoría do remo de banco fixo.
Pola súa banda, Itsasoko Ama Santurtzi afrontaba a súa sexta tempada na Liga Eusko Label. Despois dun inverno con moitas mudanzas, os de Javi Polo afrontaban a tempada coa idea de mantérense entre os mellores. Con moitas dificuldades, eludiron o último posto, que condena ao descenso directo, pero no playoff desta pasada fin de semana non deron mantido a categoría. Polo tanto, despídese da categoría un club que arrastra sempre canda si unha marea morada, e conta con dous títulos de Liga, nas tempadas 2020 e 2021.