Novas 2015
DISCIPLINA
28 Out 2015
Todos os controis antidopaxe, negativos
Ao longo da tempada realizáronse un total de 99 controis antidopaxe, distribuídos en 31 controis en competición e 68 controis fóra desta
Como vén acontecendo desde o inicio da ACT, a Asociación someteu aos seus participantes a diversos controis antidopaxe co obxectivo de detectar calquera posíbel uso ou consumo de substancias e métodos prohibidos no deporte. Así, ao longo da tempada 2015, tanto na Liga San Miguel como na Liga Euskotren leváronse a cabo un total de 99 controis, dos cales 31 efectuáronse durante a competición e 68 fóran desta. Os controis de dopaxe programados pola ACT extendéronse -ademais de aos clubs socios da Asociación- aos participantes nas ligas ARC e LGT que aspiraban a facer parte no playoff de ascenso á máxima competición.
Así, dos controis realizados, 59 destes foron controis estándar de ouriños. Mentres que os 40 restantes foron específicos -tanto de ouriños como mostras fisiolóxicas de sangue- para a detección de factores de liberación da hormona do crecemento, axentes estimulantes da eritropoxese e a hormona do crecemento humano. Coas actuais técnicas analíticas das que dispón o laboratorio de control da dopaxe homologado, nas mostras analizadas, non se acreditou a presenza non xustificada de ningunha substancia ou método prohibido, ou os seus metabolitos ou marcadores, de entre os incluídos na listaxe de referencia.
Ademais, nesta última tempada voltaron realizarse actuacións orientadas a comprobar o cumprimento da normativa específica e particular estabelecida no seo da ACT polo que o uso da vía parenteral (inxeccións de calquera tipo) é prohibido, incluíndo a súa aplicación para a administración de substancias non prohibidas incluídas na listaxe de dopantes. E como xa acontecera o ano pasado, desde a Asociación realizáronse xornadas formativas e de divulgación orientadas aos clubs deportivos socios e os seus integrantes en colaboración coa AEPSAD – Axencia Española de Protección da Saúde do Deportista.
Consciente da importancia que ten no mundo do deporte na actualidade, é desexo e vontade da ACT, cos medios que poida destinar en vindeiros exercicios, continuar a realizar un programa de control da dopaxe no seo das súas competicións.