Novas 2013

ENTREVISTAS

25 Xul 2013

"O REMO PON A GETXO NO MAPA, E GETXO PROMOCIONA O REMO; AXUDÁMONOS MUTUAMENTE"

"O REMO PON A GETXO NO MAPA, E GETXO PROMOCIONA O REMO; AXUDÁMONOS MUTUAMENTE"

Imanol Landa, alcalde de Getxo

Imanol Landa leva moitos anos no labor de alcalde de Getxo (46 anos). Naceu nesa cidade da marxe dereita, e coñece de primeira man os seus atractivos turísticos máis importantes. Se se lle pide que saliente un, non dubida: “Getxo vive mirando para o mar, e claro, o remo e o mar son indivisíbeis”. O Concello de Getxo vai patrocinar as regatas por 35º ano consecutivo, e a páxina web da ACT quixo saber a opinión do alcalde sobre ese dato.

 

Organizastes un menú remeiro completo para o sábado pola tarde. Cal é a razón?

Ben, é un acto que está ligado coa nosa forma de ser, a nosa identidade. Getxo é unha cidade de grande tradición mariñeira, aí está o Porto Vello de Algorta, e o 27 de xullo estaremos metidos de cheo nas festas patronais de San Ignacio. Que mellor que unha competición remeira para ambientar as festas? En Getxo hai unha grande afección remeira, tamén dous clubs de remo, o Getxo AE e Raspas del Embarcadero, e en féminas, tres mulleres de Getxo reman no barco de Bizkaia. Poder ver unha regata coa participación deses dous clubs, unha feminina, e tres quendas da Liga San Miguel, paréceme un menú moi atractivo para todos os veciños da cidade, e todos aqueles que veñan visitarnos. Animo a toda a xente a que se achegue a Getxo, porque habemos tratalos o mellor que poidamos. Gustaríame salientar que a regata vai ser unha homenaxe ao Lehendakari Agirre, que no seu día tamén foi alcalde de Getxo.

 

35 anos consecutivos patrocinando unha regata, son moitos anos…

É un mandato que recibimos dos veciños da cidade. Como dixen antes, en Getxo hai unha grande afección remeira, e a resposta a esa afección é organizar unha competición. Competición dun deporte de noso. No Concello temos un compromiso claro de fomentar a cultura e o deporte vasco, e organizar unha regata na Liga San Miguel vai nesa liña.

 

Para a ACT é moi importante contar coa colaboración de patrocinadores fortes.

Nós tamén recibimos moito en troca, e ese é un factor moi importante. O remo ten un seguemento mediático moi importante, e a regata retransmítese por televisión. Grazas a isto, ponse a Getxo no mapa, dase a coñecer a nosa cidade en Euskadi, e fóra, e sen dúbida, iso atrae os visitantes. Sobra dicir que eses visitantes traennos riqueza, e non só económica. Digamos que Getxo e o remo retroalimentanse mutuamente, e se unha cousa é boa para as dúas partes, porque non a fomentar?

 

Comentamos o dos 35 anos de patrocinio, pero faise chamativo que Getxo non teña aínda ningunha traíña na elite.

Primeiro de todo, dicir que os remeiros e nós, todos traballamos con grande ilusión para mellorar. A min tamén me gustaría que Getxo tivese un representante na máxima competición remeira, pero o noso xeito de traballar quizais vaia notro sentido. A nosa prioridade é traballar a base, cos deportistas máis novos. A intención é ir subindo chanzos aos poucos, pero sempre sen esquecer a prioridade: traballar a base.

Voltar