ACT TV 2015

ESPECIAL

15 Abr 2015

Málaga, punto de partida da Liga San Miguel

Málaga, punto de partida da Liga San Miguel

O vindeiro 28 de xuño a cidade andaluza será testemuña do arranque da máxima competición de traíñas coa disputa da III Bandeira Euskadi – Basque Country

Tras da estrea hai dous anos da Liga San Miguel no Mediterráneo, a máxima competición volverá navegar por terceira vez consecutiva sobre as augas do Mare Nostrum o vindeiro 28 de xuño coa disputa da III Bandeira Euskadi Basque Country. Aínda que nesta ocasión, a competición trasladarase até Málaga, máis concretamente ás augas de La Malagueta onde se iniciará a batalla pola Coroa “la Caixa”. Un desprazamento que foi posíbel grazas ao acordo entre a Asociación de Clubs de Traíñas (ACT) e o Departamento de Desenvolvemento Económico e Competitividade do Goberno Vasco que mantén o obxectivo de seguir promocionando Euskadi como destino turístico. Para isto, e como xa ocorrera en Barcelona, durante todo o fin de semana desenvolveranse diferentes accións promocionais ligadas ao evento, reforzándose así a experiencia vivida nestes últimos dous anos.

Así, as 12 mellores embarcacións do momento encontraranse o vindeiro 28 de xuño para tentar se facer coa III Bandeira Euskadi – Basque Country e sumarse a un palmarés de campións no que de momento figuran Urdaibai Avia, gañador en 2013, e Orio Babyauto, vencedor no ano pasado. Dúas edicións nas que tanto deportistas como afeccionados desfrutaron dun fin de semana no que se combinou o deporte, a cultura e a promoción turística de Euskadi. Cómpre sinalar tamén que, nesta ocasión, San Miguel, patrocinador principal da competición, como o Concello de Málaga, fixeron tamén un grande esforzo apostando por levar esta regata até a capital malacitana.

Esta primeira xornada da Liga San Miguel, que terá un campo de regateo con saída/chegada na Praia de La Malagueta e que levará ás embarcacións a navegar en paralelo ao Paseo da Farola, seguirá o formato habitual de catro carreiros e catro longos, repartidas as embarcacións en tres quendas que se comporán en base ao sorteo que se realizará na presentación do encontro. “Mantemos a liña estratéxica de dar inicio á nosa competición lonxe do noso ámbito natural, co obxectivo de seguir ampliando a difusión da Liga San Miguel. Foron dous anos moi bos en Barcelona e estamos moi ilusionados con que unha cidade como Málaga nos acolla neste inicio”, explica Pedro Andueza, presidente da ACT. “Desde aquí gustaríame agradecer a grande disposición e axuda amosada polo Goberno Vasco, así como polo noso patrocinado principal, San Miguel, e máis polo Concello de Málaga. Sen o seu apoio, a experiencia que vamos levar á capital malacitana sería imposíbel”, conclúe Andueza.

Voltar