ONDARROA KIDE

Historia

Patrocinadores do club
  • Kide
  • Cikautxo
  • Ganuza
  • Itsaskorda
  • Diputación de Bizkaia
  • Bizkaialde
  • Ayuntamiento de Ondarroa
  • Iñurrieta
  • Urlapesca
  • L4uko
  • Naberan
  • Ostatu
  • Gaztedi Taberna
  • Felix Aholkularia
  • Torrealday
  • Betelu
  • Errota
  • Maddi Kafetegia

Ondarroa, cuxo significado en euskera é boca de area, é unha vila mariñeira da desembocadura do río Artibai, da vertente máis oriental da costa biscaína, na raia con Gipuzkoa. Posúe unha extensión de 3,62 km2 e na actualidade conta cunha poboación aproximada de 8400 habitantes. Foi fundada como vila por Dona María Díaz de Haro, no 1327, aínda que os primeiros rexistros datan do ano 1027. Esta vila mariñeira, dende a súa fundación, estivo ligada ao remo, utilizándoo durante séculos como ferramenta para a pesca, o comercio e o transporte. Aínda que na actualidade só se realiza como práctica deportiva, o remo está totalmente arraigado na nosa vila, xa que levamos séculos a escoitar o seu característico son, ao longo do noso río, da nosa baía e abra.

Cinguíndonos ás datas e logros concretos, cómpre salientar 3 épocas diferenciadas:

1865-1902

O 31 de agosto de 1865 é unha data sinalada tanto na historia da nosa vila, como na do mundo do remo de banco fixo. Ondarroa, tras lograr a vitoria na regata celebrada na abra de Bilbao, recibe unha bandeira como premio, sendo esta, a primeira bandeira da historia do remo, outorgada ao gañador dunha regata.

No ano 1887, nas Regatas Reais celebradas na abra de Bilbao, Ondarroa consegue a vitoria nesta bandeira por segunda vez. A esta regata preséntanse 3 traiñeiras ondarrutarras, ficando dúas delas no primeiro e segundo lugar. Os ondarrutarras foron denominados polos integrantes do club náutico de Bilbao, como "invencíbeis do cantábrico".

No ano 1888 despútase o Desafío entre Pasajes San Pedro e Ondarroa. Concrétase o percurso comprendido entre Getaria e San Sebastián. A regata ten unha duración de 84 minutos e Ondarroa é a vencedora, con 15 segundos de vantaxe.

No ano 1890, despútase o desafío entre Donostia e Ondarroa. Concrétase o percurso entre Lekeitio e Getaria. A regata ten unha duración de 1 hora e 21 minutos; e non sen polémica, Donostia é a vencedora, con 1 minuto e 28 segundos de vantaxe.

No ano 1898, Ondarroa gaña a súa primeira bandeira da Concha.

No ano 1902, nas Regatas Reais celebradas na abra de Bilbao, Ondarroa volta vencer por terceira vez esta bandeira. A esta regata, preséntanse dúas traiñeiras ondarrutarras, quedando no primeiro e segundo lugar.

No período comprendido entre os anos 1903 e 1924, non hai constancia de que Ondarroa participe en ningunha regata, debido a que se produce un enfrentamento entre os pescadores da vila, da cal xurde unha segunda confraría, a de San Pedro, ademais da de Santa Clara xa existente. Esta división impide a unión e o compromiso necesarios para conformar unha traiñeira.

Ligado a isto, o incipiente auxe dos motores de vapor e as novas posibilidades que estes ofrecían, fixo con que a nosa vila se centrase exclusivamente na pesca. Deixando de lado a práctica do remo.

1925-1926

No ano 1925 a iniciativa do club deportivo Aurrera, volta unir os pescadores enfrentados nos últimos anos para participaren en regatas oficiais. A traiñeira de Ondarroa volta á competición participando na copa Deputación nas augas de Portugalete, sendo vencedora.

No 1926 Ondarroa participar de novo na copa Deputación celebrada en Portugalete, conseguindo a vitoria por segundo ano consecutivo. Ese mesmo ano, Ondarroa, por primeira vez co nome "Antiguako ama", consegue a súa segunda bandeira da Concha, despois da conseguida no ano 1898.

Durante estes anos 20, o auxe dos motores de combustión cada vez máis potentes, que posibilitaban maiores capturas e máis afastadas do litoral, fixo que tanto a pesca de baixura, habitual até entón, como sobre todo a de altura, comezasen a cobrar vital importancia na economía local. Así, o número de embarcacións aumentou a pasos axigantados, chegando a ter unha frota de máis de 150 barcos de altura e outros 70 de baixura a mediados da década de 80, multiplicando considerabelmente o número de capturas. Deste xeito, focouse aí o esforzo e interese dos habitantes da nosa vila, facendo que se deixase totalmente de lado a práctica do remo. Isto tronzou a transición en Ondarroa da práctica do remo como ferramenta de traballo, á práctica exclusivamente deportiva.

1973-2020.

No ano 1973 fúndase o actual Club de Remo Ondarroa, iniciando deste xeito unha nova andaina, que fai 47 anos de vida. Durante estes 47 anos o Club de Remo Ondarroa centra os seus esforzos non apenas no ámbito competitivo, mais tamén na realización dun labor social, que ocupa grande parte dos nosos esforzos, co fomento e desenvolvemento do remo entre a mocidade da nosa vila.

No ano 1988 o Club de Remo Ondarroa pode contar por fin cun pavillón municipal, que posibilita levar a cabo en boas condicións a preparación necesaria para a práctica do remo, así como a boa conservación do material deportivo do Club, algo que até daquela non era posíbel. O feito de contar con este novo pavillón fai con que o número de mozos que decide achegarse ás nosas instalacións vaia medrando paulatinte, e que isto se traduza nun maior número de remeiros e remeiras, que sen dúbida fixeron que o nivel competitivo do Club aumentase significativamente.
A excepción de dúas regatas celebradas na ría de Bilbao, nada máis concluír a guerra civil, exactamente, os días 17 e 19 de xuño de 1939, pasaron 57 anos sen Ondarroa participar nunha regata oficial de traiñeiras. Tras este longo periplo, no ano 1983 Ondarroa volta ter unha traiñeira participando en regatas oficiais, iso si, aparecendo de forma intermitente, até se consolidar a partir do ano 1993. Nesta nova era conséguense varios campionatos provinciais, autonómicos e estatais en categorías inferiores de bateis, mais non é até o ano 1993, 67 anos despois da última vitoria conseguida pola nosa traiñeira -precisamente na bandeira da Concha- cando Ondarroa logra a vitoria na bandeira de Lekeitio.  Este e os seguintes 4 anos foron moi fructíferos, xa que se conseguen 15 vitorias en regatas de traiñeiras, entre elas, 3 campionatos de Bizkaia. Ademais dos campionatos de Bizkaia, Euskadi e España de traiñeiriñas, logradas en 1994.

Malia estes 5 fructíferos anos no plano deportivo, os 2 últimos foron algo convulsos no plano institucional. Neste contexto e por un cúmulo de circustancias, sobre todo a falta de efectivos dispostos a remaren, no ano 1998, o club vese obrigado a colgar a traiñeira.

No 1999 e logo dunha profunda reflexión interna, a traiñeira volta á competición, retomándose a andaina na Liga Vasca. O club non desiste e como sempre fixo, segue a forxar a canteira, sendo fiel aos principios e valores do club, conseguindo ese ano, unha bandeira. Voltando estar na elite nos anos 2001 e 2002, nos que se logran 6 bandeiras, en dura pugna con adversarios moi potentes.

Logo de 6 anos nos que a traiñeira transita pola zona media da liga ARC1, no ano 2009 dase un punto de inflexión na traxectoria deportiva do club. O equipo senior descende de categoría, pasando a formar parte da liga ARC2. Este feito xera unha reflexión interna no club, da que nace un novo proxecto deportivo que persegue encetar de novo unha andaina exitosa. Para isto, os mozos que nos anos anteriores colleitaran grandes logros nos campionatos provinciais e autonómicos de batel e traiñeiriña, pasan a formar o núcleo do equipo senior. Tras un primeiro ano de aprendizaxe, no 2011 o equipo consegue o tan desexado ascenso á liga ARC1, logrando ese ano 4 bandeiras.

No ano 2012, o equipo enceta unha andaina ascendente, escalando posicións ano a ano, sendo 9º no 2012, 6º no 2013, 4º no 2014 e 3º no 2015. Aos poucos, a traiñeira comeza a andar cos mellores da categoría, preto da vitoria en varias regatas, aínda que a primeira vitoria non chega até o ano 2016.

O 2016 é un ano histórico para o club, dado que se proclama campión da liga ARC1, gañando en 13 das 15 regatas. O equipo culmina un ano glorioso conseguindo o ansiado ascenso á Liga Eusko Label, logo de ser primeiro nas dúas xornadas do play-off, tanto en Bermeo, como en Portugalete.

Nos últimos 4 anos a traiñeira masculina compite na máxima categoría do remo, na Liga Eusko Label, conseguindo o 8º posto nos anos 2017 e 2018, o 7º posto no 2019 e o 9º no ano 2020. Logrando así por méritos propios, participar no ano 2021 na Liga Eusko Label, por quinto ano consecutivo. Ademais, no 2019 e despois de 23 anos sen o dar feito, a nosa "Antiguako Ama" consegue entrar na bandeira da Concha, marcando o mellor tempo na regata clasificatoria do xoves.

Nesta terceira época dende a fundación do Club de remo lográronse 2 ligas e 41 vitorias en regatas, para un total de 41 bandeiras en competición masculina de traiñeiras e máis 2 vitorias coas súas correspondentes bandeiras, na competición feminina de traiñeiras. Ademais, conséguense outras 23 vitorias en regatas de traiñeiriñas, entre as categorías xuvenil e senior e 61 vitorias en categorías inferiores de bateis, tanto masculinas como femininas. Lógranse bandeiras provinciais, autonómicas e estatais. E 27 das 84 vitorias en bateis e traiñeiriñas son logradas polas embarcacións de mulleres.

Nos 47 anos de historia do Club lográronse 129 vitorias, para un total de 105 bandeiras. Ás que sumaríamos as 8 vitorias para un total de 7 bandeiras conseguidas nas dúas épocas anteriores á fundación do actual club, o que dá un total de 137 vitorias e 112 bandeiras.

Nas dúas primeiras épocas todos os triunfos foron logrados exclusivamente por remeiros da nosa vila. Porén, nos acadados na última época, en bastantes ocasións, os remeros de Ondarroa estiveron acompañados por remeiros de outras localidades costeiras tanto de Bizkaia, como sobre todo de Gipuzkoa. A todos eles, o noso máis sincero agradecemento.

Na actualidade, o club conta co apoio de 1270 persoas socias. E 145 remeros e remeiras: 75 mulleres e 70 homes. 110 participan nas distintas categorías inferiores. A isto hai que sumar 35 remeiros e remeiras senior das dúas traiñeiras, tanto os da masculina, como as da feminina. Este é, sen dúbida, o capital máis valioso do que dispomos. Con este alicerce, é obxectivo primordial do club participar no maior número de regatas, tanto de bateis, como de traiñeiriñas e traiñeiras, para deste xeito irmos forxando as novas incorporacións, así como para darmos o maior relevo publicitario posíbel ás firmas comerciais que nos patrocinan.

Á súa vez, consideramos oportuno facer unha mención especial ao labor que durante anos o club vén realizando no remo feminino, anos nos que os éxitos en campionatos de categorías inferiores de bateis e traiñeiriñas foron numerosos. A isto cómpre sumar que no ano 2019, por primeira vez na historia do noso club, tivemos unha traiñeira feminina competindo en regatas oficiais, concretamente na liga ETE, na que se conseguiu o 9º posto, ademais da medalla de bronce no campionato de traiñeiras de Bizkaia. No 2020, a traiñeira feminina consegue a súa primeira bandeira da historia, ao se proclamar campioa de Bizkaia, á que suma a vitoria na bandeira de Castro da Liga ETE, na que consegue a 4º posición. Isto énchenos de orgullo e danos azos para seguirmos  a traballar con grande ilusión.

Agora, coa nosa "Antiguako Ama'" masculina na ACT e a feminina na ETE, ambas as dúas a competiren coas mellores traiñeiras do Cantábrico e Atlántico, agardamos seguir durante moitos anos a escribir a exitosa e longa historia da nosa vila e do noso club.

A tempada 2021 será inesquecíbel para "Antiguako Ama". Será o ano da súa primeira Bandeira na Liga Eusko Label, conseguida en augas de Zierbena dende a primeira quenda, a XXXVIII Bandeira Petronor loce nas vitrinas do club. Ademais, igualaron o sétimo posto da clasificación da Coroa CaixaBank,  cos 115 puntos obtidos, ficaron a un punto do seu récord de puntos (116).