Novas 2024

COMPETICION

27 Xu˜ 2024

Todo preparado para o comezo da tempada 2024

Todo preparado para o comezo da tempada 2024

A Liga Euskotren e a Liga Eusko Label arriarán a estacha no sábado. A primeira quenda feminina comezará ás 17:25.

Este 2024 A Coruña voltará ser a cidade a dar o sinal de saída para a Liga Euskotren e para a Liga Eusko Label. A Bandeira Cidade da Coruña será a primeira data dun calendario que este ano contará con 16 xornadas na competición feminina e 20 na masculina. As 8 traiñeiras da Liga Euskotren e as 12 da Liga Eusko Label darán o máximo para poderen facerse coa primeira vitoria da tempada.

Esta mañá realizouse a presentación da VII e VIII Bandeira Cidade da Coruña na Casa do Concello da cidade, onde participaron Gonzalo Castro, Concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña e Marian Bernal, responsábel da área de Marketing da ACT.

O concelleiro de Cultura e Turismo Gonzalo Castro, apuntou ao impacto positivo que ten a disputa das bandeiras na cidade, "porque supón un gran aliciente deportivo para A Coruña e, en paralelo, amosa a nosa capacidade para acoller, ano tras ano, grandes eventos".

''Estamos contentas por voltar máis un ano á cidade da Coruña. Con este xa son 8 os anos nos que as mellores tripulacións do remo de banco fixo vogan en augas de Riazor. Un campo de regatas épico que é un referente para a ACT'', salientou Bernal.

Depois da presentación, sorteo de quendas
Despois da presentación da Bandeira, procedeuse ao tradicional sorteo de quendas. Mecánica que non se manterá a partir da vindeira tempada xa que a configuración das quendas farase en base á clasificación do ano anterior. Deste xeito, a primeira quenda da Liga Euskotren que comezará ás 17:25 estará composta por SD Tirán Pereira, Donostia Arraun Lagunak, CR Cabo da Cruz e Orio Orialki.. A segunda quenda, que iniciará ás 17:48, pola súa banda, completarana Tolosaldea Arraun Kluba, Hibaika Jamones Ancin, Hondarribia Bertako Igogailuak e Nortindal Donostiarra.

A competición masculina comezará ás 18:21 e a primeira quenda da Liga Eusko Label estará composta por San Pedro-Harri, Orsa Hondarribia, Kaiku Berez Galanta e Lekittarra Elecnor. As seguintes catro embarcacións na liña de saída serán Zierbena Bahias de Bizkaia, CR Cabo da Cruz, Amenabar Donostiarra e Orio Orialki, ás 18:50. Por último, os participantes da terceira quenda comezarán a traballar ás 19:19 e os que pechen a xornada serán CM Bueu-Simei, Ondarroa Kide, Bermeo Urdaibai e Getaria.

Voltar