Novas 2018

ENTREVISTAS

31 Xan 2018

"Temos factores para gozar do melhor remo"

"Temos factores para gozar do melhor remo"

Borja Rodrigo fai un repaso nesta entrevista para ACT TV e amósase optimista co futuro da máxima competición

Borja Rodrigo acaba de facer un ano á frente da ACT e cóntanos nesta entrevista a ACT TV como viviu este intenso ano e, sobre todo, cara onde vai o futuro máis próximo da máxima competición de remo. “Foi un ano intenso, mais visto o resultado final, sen dúbida gratificante xa que o balanzo ten sido moi positivo”, explica o máximo mandatario da Asociación. “A ACT é un produto consolidado, pero así que estás dentro é cando es consciente da envergadura que ten”, sinala Rodrigo.

A respecto dos dous descensos deste ano, apunta que “dá moita mágoa a marcha dun dos nosos socios fundadores, un histórico como Astillero. Ademais, este descenso implica perder a representación cántabra, ogallá pronto voltemos ter o remo cántabro no primeiro nivel”. E sobre o adeus da ‘Santa Olalla’ salienta que “Ares é un club que nos gañou o corazón a todos e que foi quen de pelexar cara a cara contra os mellores con uns recursos moi limitados”. Sobre as altas, ten claro a importancia dos proxectos de Donostiarra e Santurtzi Iberdrola. “Son dous proxectos que do punto de vista deportivo van dar que falar e dámoslles a benvida”, afirma. Outras dúas ‘altas’, neste caso na Xunta Directiva, son as de Igon Lertxundi e Txema Vizcaíno, que se unen a Mario Vidal, apuntando que “estou seguro de que vamos estar á altura da ACT”.

Sobre os planos máis inmediatos da Asociación, un dos puntos salientábeis é o acordo entre a AEPSAD e a ACT. “A entrada da Axencia Estatal, xunto coa AVA e os nosos recursos propios, vainos permitir aumentar a capacidade da ACT para detectar os casos de positivo. E sen dúbida que coa introdución do pasaporte biolóxico, e outros desenvolvementos normativos propios, poráselle moi difícil a quen queira infrinxir a lei”, asevera Rodrigo. Outros dos temas tratados son o do traballo conxunto coa LGT e a ARC. “Por parte da ACT non hai outra intención que a de estar o máis perto posible das súas ligas filiais para entre todos consolidar o remo do Atlántico á Francia”, sentenza.

O remo feminino, da man da Liga Euskotren, é unha aposta que a ACT iniciou de forma pioneira hai máis de 10 anos e o desexo é seguir con ela. “O remo feminino está indo a máis e a ACT ten que estar na punta de lanza e seguir promovendo e ampliando o espazo do remo feminino. Vamos desenvolver no curto prazo ideas e accións encaminadas a dotar de maior estabilidade o remo feminino”, explica Rodrigo. E por último, o máximo mandatario da ACT amósase optimista de cara ao futuro máis próximo. “Non temos máis que factores positivos, e ben xestionados, farannos gozar un ano máis do mellor espectáculo no mundo do remo”, conclúe Borja Rodrigo. 

Voltar