Novas 2025
ASOCIACION
25 Xan 2025
Borja Rodrigo, reelexido por unanimidade, seguirá á frente da ACT
O bilbaíno inicia así a súa quinta lexislatura a presidir a Asociación.
A ACT organizou esta mañá na súa sede de Oiartzun a primeira Asemblea do 2025. Os socios pecharon o ano 2024 aprobando o resultado do exercicio económico por unanimidade e a xestión da Xunta Directiva no 2024 de maneira positiva. Igualmente, aceptouse a San Juan e a Ares como socios da ACT ocupando así o lugar dos descendidos San Pedro e Bueu. Os pasaitarras voltan para a máxima categoría tras descenderen no 2018, os galegos, pola súa banda, voltan á Liga Eusko Label logo de dúas tempadas de ausencia.
Os socios da ACT aceptaron tamén as cuantías dos premios das dúas competicións que organiza a Asociación, a Liga Eusko Label e a Liga Euskotren. Así como os avais que deberán achegar os socios. En relación á cuantía dos premios de cada regata en ambas Ligas, aprobouse un incremento de máis do 10% nos importes co obxecto de proceder a unha actualización que non se daba desde o 2009. Os premios de cada regata da Eusko Label Liga ascenden así de 22.500€ a 25.000€ e os da Euskotren Liga de 8.000€ a 9.000€.
Por último, Borja Rodrigo foi reelexido por unanimidade como presidente da ACT e asume así a súa quinta lexislatura á frente da elite das traiñeras. Ademais, os socios escolleron tamén a Xunta Directiva que acompañará a Rodrigo na dirección da ACT. José Manuel Ortiz será o novo secretario que colle o relevo de Pedro Olmedillo. Txema Vizcaíno, como tesoureiro e Daniel Vázquez, como vogal, completarán a Xunta Directiva.
Logo da súa reelección, Rodrigo agradeceu a confianza dos socios e afirmou que "se atopa motivado para afrontar os retos que ten a ACT grazas ao respaldo dos socios e a estabilidade da que goza a Asociación", salientando entre os seus principais obxetivos, "seguir logrando confeccionar un calendario deportivo atraente, avanzar na implementación de melloras ligadas coa tecnificación e o rigor das dúas competicións: Liga Eusko Label e Liga Euskotren".
O presidente destacou ademais a importancia de "avanzar, medrar e mellorar dun xeito eficiente e sustentábel do punto de vista orzamentario da ACT". Sendo fundamental neste ámbito, "reforzar e manter os acordos e colaboracións existentes coas marcas e institucións que nos acompañan, así como coas televisións que se encargan da retransmisión en directo e en aberto de todas e cada unha das nosas regatas".