Novas 2024
COMPETICION
28 Dec 2024
A Vila de Portugalete acollerá a primeira edición da San Silvestre de traiñeiras
ACTk, Portugaleteko Udalaren eta San Nikolas Arraun Elkartearen laguntzarekin, lehen aldiz antolatuko du traineru estropadetara egokitutako urte amaierako lasterketa tradizionala.
Esta mañá presentouse en Portugalete a primeira edición da San Silvestre de traiñeiras. A Vila, último escenario da tempada de traiñeiras, pechará tamén o ano cunha iniciativa innovadora e que tivo boa acollida entre os clubs de remo.
O evento manterá o percorrido que se realiza na Bandeira El Corte Inglés – Concello de Portugalete, mais a distancia verase reducida á metade. A regata tivo unha boa acollida entre os clubs, xa hai quince equipos apuntados e agárdase que este número medre antes do día 30 no que se pechará a inscripción.
María José Blanco, alcaldesa de Portugalete, subliñou a importancia da Vila no calendario remeiro: "Estamos encantados de acollermos esta proposta en Portugalete. Dá a medida da importancia que ten a ría no calendario de regatas. Que a San Silvestre de Traiñeiras se faga aquí, é un orgullo".
Iker Villalba, concelleiro de deportes de Portugalete: "cando nos chegou esta proposta da ACT nin o pensamos. Será un xeito bonito de pecharmos o ano, aquí na ría, co remo de alto nivel. No mellor escenario posíbel, para nós é un privilexio".
Borja Rodrigo, presidente da ACT amosouse agradecido: "da ACT estamos moi ilusionados, é unha proposta pioneira. Da Asociación queremos agradecer ao Concello e ao Club de Remo San Nicolás o seu apoio". Ademais, Rodrigo prevé que o encontro terá unha boa acollida: "o 31 de decembro Portugalete voltará ser testemuña da festa do remo xa que contamos con máis de 15 clubs femininos e masculinos inscritos".
Para Karlos Belasko, presidente do Club San Nicolás, a proposta é "divertida e novidosa": "Dalle unha visibilidade diferente á que estamos afeitos. Estamos moi contentos. Ademais, para alén do apoio loxístico que adoitamos dar na última regata da tempada, desta vez tamén participaremos do evento. Estamos felices".
O evento comezará ás 17:00 e a regata será en liña, en quendas de 4 embarcacións que serán confeccionadas segundo o sorteo, que se celebrará ás 15:00. A praza do Solar contará coa habitual Fan Zone onde as persoas afeccionadas poderán gozar da regata.