Novas 2017

COMPETICION

25 Abr 2017

12 candidatas na loita pola Liga Euskotren

12 candidatas na loita pola Liga Euskotren

O vindeiro 8 e 9 de xullo, en augas de Orio e San Sebastián, porase en xogo o playoff que dea acceso á máxima competición feminina

A novena edición da Liga Euskotren comeza a quentar motores e este ano chegará coa maior participación da súa historia. Serán 12 as traiñeiras que se atopen o vindeiro 8 e 9 de xullo en augas oriotarras e donostiarras respectivamente, á procura dunha das prazas que dá acceso á máxima competición de traiñeiras femininas.

Así, entre as participantes estarán Arraun Lagunak Donostiako Berdintasuna, Cabo, Cikautxo Lea Artibai, Deusto Bilbao, Donostiarra, Hernani Iparragirre Sagardotegia, Hibaika Jamones Ancín, Hondarribia AE, Orio Babyauto, Portugalete, Zumaia Salegi Jatetxea e, a vixente campioa, San Juan Iberdrola. Unhas ‘Batelerak’ que, como novidade tras a modificación no pasado mes de xuño da normativa, terá que cumprir unhas condicións durante as dúas xornadas clasificatorias para se asegurar a súa praza.

Segundo o Apartado 3 do Artículo 2 da Normativa da Liga Euskotren, “no caso de que houbese máis de cinco tripulacións inscritas, a vixente campioa deberá lograr polo menos un quinto posto nunha das dúas xornadas de eliminatorias”. Polo que en base a esta nova regra, e tendo en conta que este ano hai 12 tripulacións inscritas, San Juan Iberdrola non tería o posto garantizado pola súa condición de vixente campioa, pero conseguiría un dos catro billetes para participar na Liga Euskotren se lograra cando menos un quinto posto en algunha das dúas xornadas do playoff.

Daquela, unha vez coñecidos en Orio e San Sebastián os nomes das catro traiñeiras que pelexarán na liga regular, estas desprazaranse a Santander e Pasaia o 22 e 23 de xullo; o 29 e 30 de xullo será a quenda de Getxo e Zierbena; mentres que, como vén sendo tradicional, Zarautz coroará ás raíñas da Liga Euskotren coa súa dobre xornada o 19 e 20 de agosto.  

Voltar