Novas 2021
ASOCIACION
13 Dec 2021
A traxectoria da Liga Euskotren
Dende o seu inicio na tempada 2009 a competición non parou de medrar e no 2023 ampliará o número de participantes
A Liga Euskotren comezou a súa andaina na tempada 2009, grazas ao afán da Asociación de Clubs de Traiñeiras de seguir a promocionar o remo de banco fixo tamén na categoría feminina. Así comezou a ACT coa organización da Liga Euskotren en paralelo á Liga Eusko Label.
Nas súas primeiras tempadas, coa idea de potenciar o remo feminino, optouse pola fórmula de competir por seleccións, sendo Galiza, Bizkaia, Gipuzkoa e Catalunya as primeiras participantes. No ano seguinte, Cantabria substituiu a Catalunya na competición.
Despois de dúas tempadas co mesmo formato de seleccións, e tras potenciar os clubs femininos de remo, na tempada 2011 foi unha fórmula mixta a que acaparou a Liga Euskotren. Cinco clubs gipuscoanos competían canda Bizkaia e Galiza nunha tempada irregular. Catro traiñeiras cada xornada completaron o calendario da tempada, en que cada club participou en polo menos 4 regatas diferentes.
A partir da tempada 2012, a Liga Euskotren recupera a competición con apenas catro clubs, que se deciden tras un Playoff previo ao comezo da tempada. Así, as catro mellores traiñeiras eran quen competían na máxima competición do remo feminino durante o verán.
Na tempada 2018 realízase por última vez o Playoff previo, e faise no fin da tempada en augas de Bermeo e Portugalete igualando o formato de clasificación da competición masculina. Esta tempada tamén se inclúen por primeira vez dúas xornadas en augas de Galiza no calendario da Liga Euskotren, co nome Bandeira Cidade da Coruña. Outra novidade incluída ao longo da traxectoria da Liga Euskotren é a do Trofeo a Mellor Patroa ao finalizar a tempada 2019.
Despois de once tempadas con catro traiñeiras na competición, a cada vez máis igualada e atractiva, a Asemblea da ACT decidiu que é o momento de dar máis un paso no crecemento do remo feminino. Daquela, no sábado os socios aprobaron ampliar a cantidade de participantes na Liga Euskotren Liga a 8 tripulacións a partir da tempada 2023.
Dentro do acordo de crecemento de participantes aprobado polos socios, estabeleceuse que polo menos dúas tripulacións galegas estarán na competición nas tres primeiras tempadas. Isto débese á idea de seguir a fortalecer o remo feminino en toda a cornixa do cantábrico e atlántico, ademais de non desequilibrar as demais competicións de remo feminino.
Aínda faltan detalles por saber como será o acceso das traiñeiras que competirán na Liga Euskotren na tempada 2023, mais o que está claro é que a conta atrás para unha competición máis atractiva está en marcha.