Novas 2016
COMPETICION
16 Dec 2016
A Coruña, un novo marco de magnitude
As mellores traiñeiras do momento chegarán á capital por primeira vez, desputándose a xornada en augas da Praia de Riazor
Malia esta tempada aínda parecer lonxe, os clubs xa levan semanas a prepararen a súa posta a punto e a traballaren por chegar no mellor estado de forma posíbel ao inicio da batalla pola Coroa CaixaBank. Unha competición que este ano por primeira vez nas súas 15 edicións chegará no mes de xullo a augas da Coruña. Máis concretamente á Praia de Riazor, escenario onde ano tras ano se desputa a prestixiosa Bandeira Teresa Herrera, caracterizada por ser regata de mar e vento.
O acordo selado entre o Concello da Coruña e a ACT, servirá para que a máxima competición volte conquistar unha nova capital máis e poida expandir máis aínda toda a emoción das traiñeiras. Ademais, deste xeito, a competición recupera o seu segundo fin de semana en Galiza, como veu ocontecendo até a pasada edición.
Da Asociación valórase de xeito moi positivo este acordo co Concello da Coruña que, cómpre sinalar, está previsto que se prolongue durante os vindeiros tres anos. "Levabamos moito tempo buscándoo e por fin en 2017 conseguiremos ver todas as nosas traiñeiras navegaren na Praia de Riazor", sinala orgulloso Pedro Andueza, presidente da ACT.